Please upgrade your web browser now. Internet Explorer 6 is no longer supported.>

Economía do Municipio

A base económica do municipio é o sector primario, fundamentalmente a gandaría (vacún e porcino), que dá ocupación ao 80% da poboación activa.

Cospeito é un dos municipios máis mecanizados e de maior produción bovina de Galicia, ao que contribuíu, sen dúbida, a actuación do antigo Instituto Nacional de Colonización. Nos anos 60 o goberno executou un dos seus ambiciosos plans de desenvolvemento pecuario, que pretendía desecar os humedales, e conseguir unha grande produción de alimentos. Cara a lugares como Arneiro, Veiga de Pumar e Espiñeira foron conducidos numerosos colonos provenientes das terras de Fonsagrada, os bens da cal foran anegados pola construción dun encoro sobre o río Navia. Hoxe en día as explotacións dos colonos teñen unha media de 60 cabezas de vacún e presentan un elevado grao de mecanización.

Ao lado das extensas praderías, base alimenticia dunha numerosa cabana leiteira intensiva, aparecen as terras dedicadas ao cultivo de trigo, centeo, patacas, millo e nabos. A pataca, que se produce con facilidade nestas terras, así como os cereais e a madeira (piñeiro, castiñeiro e carballo), son os principais produtos de exportación.

A mellora das técnicas agrícolas, a introdución de novas forraxes, así como a extensión crecente da pradería natural e artificial xerou o asentamento de unidades de explotación agropecuaria. Polo que respecta ao sector secundario, Muimenta é o núcleo con maior protagonismo, xa que conta con varias carpintarías de aluminio, unha marmolería, unha fábrica de escaleiras e unha ladrilleira.

Ademais, a estas empresas hai que engadir a poboación dedicada ao subsector construtivo e a que atopou emprego na parroquia de Vilapene, onde ata data recente funcionou unha planta embotelladora de auga mineral que aproveitaba as fontes de Fontoira. O sector terciario concéntrase nos dous núcleos máis importantes do municipio: Feira do Monte e Muimenta. Os establecementos comerciais, bancarios e hostaleiros están distribuídos entre ambas as dúas localidades, aínda que a capital municipal (Feira do Monte) acapara os servizos municipais e a maior parte do subsector comercial coas súas feiras. Recórdese que a feira gandeira da capital municipal se celebra dende o século XVII.
Industrias: Carpintaría metálica; Fábrica de escaleiras; Ladrilleira e Planta embotelladora.

Feiras: Feira do Monte (o terceiro domingo de cada mes); Feira do cocho dá ceba (Mes de novembro); Feira de maquinaria usada (mes de abril); Feira MOEXMU en Muimenta; Feira mensual en Muimenta (o terceiro xoves de cada mes).

Actualmente os establecementos de turismo rural están a acadar un gran protagonismo, xa que no Concello están en pleno funcionamento 6 casas antigas coidadosamente rehabilitadas en converterse en establecementos deste tipo

Oferta de traballo de empresarios

Empresario ou autónomo, se están interesados en publicar unha oferta de traballo no portal do Concello de Cospeito, utilizar o formulario de Oferta de emprego e remitilo utilizando o esta dirección de correo electrónico